'Cariño malo', a crítica
- Dramaturgo, director e produtor xeral: Alejandro Clavier
- Directora adxunta: Claudia Tangoa
- En escena: Sebastián Stimman, Diego Salinas e Alejandro Clavier
- Composición musical e produción: Kayfex (Perú)
- Deseño de escenografía: Magali Acha (Arxentina)
- Deseño de iluminación: Marvin Calle
- Deseño de vestiario: Vladimir Sánchez (Chile)
- Deseño de son: Favio Rojas
- Deseño de Folleys: Guadalupe Otheguy (Arxentina)
- Edición audiovisual: Nicole Hurtado
- Produtora creativa: Lillian White
- Produción xeral: Ministerio de La Belleza
- En coprodución con: Teatro La Plaza
- Colaboración: Iberescena
Cariño malo levou o premio del público da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas. Coido que, ademais do cariño das espectadoras e espectadores, habería que falar da súa dimensión internacional por contar unha historia totalmente transversal a todas as culturas e nacionalidades, e cómica dentro da crueza e da denuncia patente que establece a súa narración dramatúrxica. El Ministerio de la Belleza, a compañía que a pon en escena, xa ten un nome que marca e, ademais, segundo as declaracións do seu fundador, Alejandro Clavier: "A beleza é o esplendor da verdade”. Con estas premisas, tiña que ser espectacular.
A primeira vista, o espazo escénico pode remitir o espectador a Jerzy Grotowski e á súa teoría do Teatr Ubogi ou teatro pobre, baseada na idea de que o teatro debe eliminar todo o que non sexa estritamente necesario para procurar un vínculo directo entre o actor e o espectador. Así, esta narración meta-meta-teatral fornece os elementos necesarios para que se reproduza a técnica dunha gravación de radioteatro. O ieratismo aparente dos intérpretes queda paliado polos efectos sonoros que eles mesmos producen diante de nós e pola modulación das súas voces, que son máis de tres, moito máis de tres.
O primeiro intérprete entra en escena e adiántase á terceira estación de traballo. A escenografía recolle dúas estacións amplas, con mesados provistos dos tarecos imprescindibles para crear os ambientes —entre eles un looper— no proscenio, e un atril central un pouco afastado cara a atrás. Esta disposición triangular constitúe o parámetro de todo movemento. A súa vestimenta, un traxe de ombreiras sobredimensionadas, fai que o individual desapareza, que a xestualidade quede ancorada na expresión serena nunha mínima proporcionalidade e que todo o resto, todo o que conta, quede definido polo timbre, pola entoación e pola forza das palabras. Grava os sons da noite, un sobre outro. Achégase, pois, ao atril e empeza a narración, unha historia radiorretransmitida en directo que nos leva a unha cidade na que dúas mulleres falan. Unha delas será a nai do protagonista, a quen recoñeceremos polo pano branco que esgrime coma se fose unha batuta, e pola voz. Acaban de lle dicir, de xeito bastante maledicente, que o seu fillo Silvio parece maricón, algo que ela haberá de solucionar decontado. Este é o comezo da telenovela, pois o código compartido establece claramente que a estrutura será de radionovela, ese xénero que aínda se perpetúa en lugares como o Reino Unido, onde dramas como The Archers —en antena desde 1951— aínda hoxe segue a ser motivo de charlas de pub e paróns para escoitala en familia no horario establecido (ou en diferido a través dos podcasts), pero que non adoitan ter sobrevivido de xeito tan exitoso noutros lugares, malia gardar certo aire de romanticismo entre as persoas querentes da arte analóxica e das historias onde a trama e a emoción se impoñen sobre o artificio.
Silvio medra. Na casa vive totalmente anulado polo espírito fortísimo da súa nai, da que coida malia ter el xa uns cumpridos corenta anos. A relación entre a nai, que foi abandonada polo seu marido, e o fillo é altamente tóxica, e el sabe que nunca gustará das mulleres. Para disimular, ten desenvolvida unha personalidade alternativa que se alicerza na procura dun dun ton gravísimo na súa "voz máscara", en contraste coa súa voz natural de timbre agudo e feble. E así, un bo día, descobre un anuncio para un casting de actor de radionovela, e vai. Xa sabemos que o conseguirá; para facelo sen que a súa nai o saiba, terá que escaparse da casa mentres ela dorme a sesta. E alí, no estudo de gravación, desencadéase o punto de non retorno desta historia: por unha banda, coñecerá un técnico de son do que namorará e que se aproveitará del; por outra, coñeceremos o personaxe que terá que interpretar para a nación, ese para o que preparou a súa voz ano tras ano: El Matamaricones.
O menú do enredo está servido. Aderezarase cun coidador que contratará para axudar á súa nai e que, por suposto, terá un papel relevante ao non ser unha persoa anónima, senón estar ligado ao pasado da familia. O cadro acabará de completarse coa presenza dunha maleta chea de cartos que deixou o pai de Silvio o día que abandonou o neno e a súa nai. O coidador recoñecerá ao momento en Silvio a súa identidade de xénero e actuará como guía experto e facilitador da súa relación co técnico. Tanto a trama orixinal como a radionovela derivada estarán ao servizo de ilustrar unha realidade de diversidade afogada pola incomprensión e a intolerancia social, sen condescendencia, con altísimas doses de humor e coa perfección técnica dunha compañía que sabe exactamente como contar, cando contar e que contar.
Dentro da voráxine, e achegándonos ao final —temerosos todos de como pechar esta historia de escándalos, violencia, sexo e segredos soterrados na memoria—, os intérpretes encarnan os personaxes do narrador e de Silvio, guiando o conto sobre un mar aparentemente calmo cara a un desenlace perfecto que no descubriremos nesta ocasión. A ovación case non deixa que canten a derradeira canción: sen música, sen micros, adiantados case ao abismo do escenario.
Cariño malo é un exemplo de excelente teatro; un teatro que, desde a beleza, pode contar as verdades sen precisar censuras ou artimañas. Como non precisa suplir nada, é empatía e denuncia a un tempo, narración e viaxe, un parar o devalar do cotián para coller distancia e, desde o individual, comprender o universal. É movemento.