'Caperucita en Manhattan', a crítica
- Texto orixinal: Carmen Martín Gaite
- Dramaturxia e dirección: Lucía Miranda
- Elenco: Mar Calvo, Esperanza Elipe, Miriam Montilla, Carmen Navarro e Marcel Mihok (contrabaixista)
- Deseño de escenografía e atrezzo: Alessio Meloni (AAPEE)
- Axudante de escenografía e atrezzo: Mauro Coll (AAPEE)
- Obradoiro de realización: Mambo Decorados
- Deseño de vestiario: Anna Tusell
- Axudante de vestiario: David DeGea
- Confección: Gabriel Besa
- Asesoría de caracterización: Sara Álvarez Rodríguez
- Ambientación: Marisa Echarren
- Perrucas e utilería de vestiario: Matías Zanotti
- Iluminación: Pedro Yagüe (AAIV)
- Axudante de dirección e coach actoral: Belén de Santiago
- Meritoria de dirección: Ares B Fernández
- Composición musical: Nacho Bilbao
- Deseño de son e vídeo: Eduardo López
- Deseño gráfico: Sergio de Carlos
- Produción: Teatro de La Abadía
- Produción executiva: Sarah Reis
- Axudante de produción: José Luis Sendarrubias e Gema Iglesias
- Fotografía: Dominik Valvo
- Estudante de escenografía en prácticas: Yaiza Martín
Caperucita en Manhattan, do Teatro de La Abadía, recolle a adaptación teatral da novela homónima de Carmen Martín Gaite a través dunha proposta de intensa plasticidade visual. A peza procura crear esa atmosfera de realismo máxico e de unión entre o mundo de Carapuchiña (ou o propio mundo madrileño que leva por bagaxe a propia Carmen Martín) coa imaxe que adoitamos ter, sobre todo nos noventa, da Gran Mazá: ese lugar onde os homes visten con gabardina e as mulleres locen estupendisimamente mentres se moven, axitados, dun lugar a outro collendo taxis amarelos e loitando por cear nos mellores restaurantes, todo a ritmo de jazz. E malia que sería máis honesto unir o jazz coa cidade do vento, a nosa cabeza e a cultura cinematográfica (sobre todo a través das series) fan que o sintamos así. Se ben quizais un saxo sería máis acaído para as rúas neoiorquinas no imaxinario popular, o contrabaixo tocado por Mr. Woolf tamén queda moi ben (e a min gústanme máis as cordas que o vento-madeira).
Ambas as dúas historias, como non podería ser doutro xeito, comparten o fío argumental: Sara Allen é unha nena de dez anos que vive coa súa nai, Vivien (presente na obra), e o seu pai, Sam, nun distrito de Brooklyn, nun piso que pertence a un edificio que semella unha colmea. O Teatro de La Abadía representa esta gaiola na que Sara se sente atrapada a través dunha construción de lavadoras desde as que se escenifican as charletas do patio de veciñas (especialmente coa señora Taylor, no piso dezasete), as fiestras, a orde e o traballo de fontanería de Sam. E, sobre todo, nela vese a orde, o lugar pechado e a certeza de que permanecer nun espazo reducido, baixo control e atada ao convencionalismo, é a resposta para atopar a seguridade e a harmonía.
As lavadoras, o contorsionismo ao que se ven obrigadas as intérpretes para encaixar nese microuniverso ateigado de veciñas imaxinarias —quizais tamén rexidas pola aparencia, pola necesidade de ter un peiteado perfecto ao tempo que se leva un chándal de última moda e se fuma un cigarro con fame de emoción— e o acento marcado dos maiores ao falar en inglés, en contraposición ao acento neutro de Sara, definen unha comunidade de corte mediterráneo na que aínda se percibe a pegada da inmigración ao continente americano. Así, os protocolos da morte neste lugar son tan importantes como os protocolos da vida, e Vivien, a nai de Sara, verase
obrigada a deixala soa para atender as necesidades derivadas dun funeral fóra da cidade.
Entrementes, aprendemos que Sara —unha nena lectora e proclive á imaxinación— odia os finais nos que a maxia desaparece. Para ela está denostado ese peche da historia nel que Alicia esperta e volve á realidade, ou no que Robinson Crusoe, tras a aventura e a aprendizaxe, hen de retornar á civilización. Tamén saberemos que cada semana a nena ten que levarlle unha tarta de amorodos á súa avoa. A tarta, como veremos, acabará converténdose nun personaxe propio da peza. Por unha banda está a tarta da nai, que herda a receita de amorodos de Rebeca (a súa propia nai), pero que non a fai con amor: faina coma unha obriga, como a resposta a unha regra e a unha convención social e, polo tanto, non é saborosa. Por outro lado temos a Rebeca Little (unha non sabe se a autora empregou un xogo de palabras ao escoller o nome da avoa, seguindo a nomenclatura anglosaxoa de Carapuchiña, “Little Red”). Rebeca é a avoa de Sara; na súa mocidade foi unha cantante de music-hall e agora vive en Manhattan. Non é uma vella desvalida: pasa as noites e as tardes en absoluta liberdade, como diría o noso Celso Emilio, "porque si, porque lle peta e porque lle dá a gana". Cando recibe a tarta de mans de Sara nunca a come, porque sabe que non ten bo sabor, malia ser a receita que ela mesma concebiu. Rebeca ten un abrigo verde, verde óxido; dese verde, exactamente, que adquire o cobre cando se oxida.
E aquí está todo: todos os piares para desenvolver a historia e engadir, desde a imaxe, os detalles que non poden aparecer, probablemente por unha cuestión temporal ou por unha decisión artística que deposita na espectadora a responsabilidade de unir as pezas. Rétase a quen mira a entrar no labirinto do xogo de Manhattan, xa sexa a través do texto ou da interpretación. Mais diredes: "falta historia para Carapuchiña...". Imos pois.
Sara soña coa liberdade, con non perder a capacidade de abraio, da maxia. Sara, mal que nos pese ás nais que presenciamos a obra, non quere ser como a súa nai; e a nai, por moito que nos pese ás nais que presenciamos a obra, procura o mellor para Sara desde a súa concepción estática e cuadriculada do mundo e da vida. Mais Sara observa Manhattan, o labirinto das ás súas rúas e a meta fermosa de Morningside (o lugar onde reside Rebeca) co desexo de quen vive dende a súa auténtica inocencia. Por mor dese funeral, terá que ir por si mesma a levarlle a tarta á avoa, e o universo das lavadoras expandirase ata formar camiños, fragas a través de Central Park e o escenario definitivo da maxia: o subterráneo, o metro. Baixo terra, no verdadeiro labirinto dos túneles, Sara saberá da historia de Mr. Woolf, un afamado e podente pasteleiro que vive só nun rañaceos con forma de tarta e do que se sabe que anda na procura dun doce que saiba como deben saber os doces. Tamén coñecerá a Miss Lunatic, unha muller sen teito, xenerosa e amable, cun abrigo verde... dese verde, exactamente, da cor do cobre cando se oxida.
Con este xiro é doado facer que a acción e o texto reflexionen sobre a dobre identidade e a idea principal desta achega: o agasallo de Miss Lunatic para Sara é a liberdade, e o único xeito de atopala verdadeiramente será entrando polo buraco do coello dos sumidoiros da cidade. Este personaxe, que comparte apelido co escultor da Estatua da Liberdade e rostro coa nai do mesmo (de novo as nais), daralle un amuleto a Sara en forma de moeda. Contaralle como chegar a esa tapa de sumidoiro na que, se se pronuncia a palavra máxica “Miranfú”, poderase abrir o túnel ata a propia Estatua da Liberdade (esa que de día é ela feita pedra e de noite é o espírito de liberación co que quere agasallar a todos os neoiorquinos).
E no medio queda a aventura, o caos, a escenificación dunha escena cinematográfica na que o público terá que tomar parte, a simboloxía das cores sempre presente con forza, o detalle das palabras e o medo a pestanexar e perder o fío do conto. Así entenderemos por que Mr. Woolf acaba namorado de Rebeca e que o triunfo non é que a devore (ou si), senón que abandone a soidade do capitalismo pola promesa dunha tarta de amorodos feita con amor e que si ten sabor; que a avoa non volva á cama chea de achaques, senón que retome as cancións e as apertas apaixoadas. Volver á gaiola xa non é unha opción, porque sempre se pode recorrer aos finais con maxia nos que Sara abre a porta ao outro reino e…