A maxia do xogo [Crítica de 'O arcón de Noa']
A compañía Amarelo Cía. foi a encargada de abrir a programación de espectáculos en espazos alternativos da 43ª edición da MITCFC, na sala de exposicións do Auditorio Municipal de Cangas. Foi con O arcón de Noa, unha peza de danza e artes do movemento que consegue artellar moi ben un universo propio e mergullar o público familiar, e, en especial, as nenas e nenos, na maxia do xogo. Do xogo dende o movemento do corpo e a relación cos obxectos e enredos, a partir da imaxinación e da fantasía; ese mundo tan natural e propio da infancia que vai desaparecendo a idades cada vez máis temperás ou vai sendo substituído por outros, mediados por pantallas e intelixencias alleas.
A partir das interaccións entre a personaxe protagonista, Noa, e os obxectos e xoguetes que poboan o seu cuarto, estes comezan a cobrar vida, xerando sorpresas, reencontros e conflitos. A dramaturxia global da peza é moi sinxela. Parte de que Noa ten que escoller os xoguetes dos que se quere desfacer e serve para que a persoa espectadora poida seguir unha trama, ao mesmo tempo que gozar da beleza do movemento, das accións físicas e da xestualidade do elenco. Destaca o traballo cos obxectos e formas animadas e como a peza alterna momentos de movemento danzado máis abstracto con outros máis achegados ao teatro físico ou xestual, algo que é feito dun xeito moi ben equilibrado.
A pesar de que nos introduce nun mundo de ilusión, non por iso este é presentado dun xeito idealizado, senón que combina a alegría co conflito e mesmo coa violencia ou co medo, así como as luces coas sombras. Resulta interesante como todo iso se vai resolvendo e como se introduce o humor, dende a propia xestualidade, mesmo en momentos que poderían ser dramáticos. De feito, foron estes os que máis resoaron co público infantil cangués, que acabou estoupando en sonoras gargalladas, algo que fai pensar. Destaca tamén o ambiente de aventura que agroma e a enerxía do elenco, así como o contraste entre Noa e o resto de personaxes, ao igual que a duplicidade que se xera entre intérpretes e obxectos, á que tamén contribúe o deseño de vestiario.
A sostibilidade que fomenta a obra arredor de dar unha nova vida ao que xa se ten é un elemento tamén moi salientable, mais contrasta coa decisión de incorporar confeti de cor metalizada. Este xera un efecto visual interesante pero pode xerar certa impresión de incoherencia coa aposta xeral do traballo. Nesa liña, a pesar de que a dramaturxia xeral da peza e a máis física están moi ben coidadas, hai algunhas pequenas cuestións que parecen estar un pouco menos puídas na conexión coa trama dramática de base, como algúns detalles da voz en off da nai, aínda que esta, no plano global, si que resulte efectiva.
O arcón de Noa é, de calquera dos xeitos, unha peza moi recomendable para persoas de todas as idades, que nos convida a relacionarnos dunha maneira máis presente e creativa co noso corpo e a nosa realidade cotiá e que nos lembra o poder da imaxinación.
Lugar e data: Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas. Sala de exposicións do Auditorio Municipal Xosé Manuel Pazos Varela, 24 de xuño de 2026.