Iria Sobrado é unha artista galega. Compostelana de adopción, e de corazón, é actriz de teatro e televisión e a súa proposta artística máis persoal ten forma de performance e accións escénicas efémeras. Amante do risco, aposta por propostas que procuran unha conexión directa co espectador e unha exploración da intimidade. Actualmente desenvolve a súa primeira longamentraxe, “Aquagym”. Gústanlle os fogos de artificio e a poesía, o mar, a calor e o salitre. O poeta Valente e as valentes. John Berger e Tarkovsky. Almudena Grandes e Carla Simón. A palabra. O silencio.A procura incesante da beleza
Posto de carnicería. Toldo baixado. Cando remata o aviso comeza a soar “Spiegel im spiegel” de Arvo Pärt. O toldo comeza a subir. Unha muller empeza a moverse dentro da vitrina da carne. Só está ela dentro sobre unha moqueta vermella. Tal cal un despezamento vacún. A performer sae da vitrina con movementos de danza. Desde dentro do posto colle un corazón e comeza a cortalo en anacos. Anacos da súa vida, que vai contando a cada corte: “1989, o cuarto de atrás...” Vai desmenuzando episodios vividos a medida que desfai o corazón. Palabras mesturadas co son do machete no tallo despois de atravesar a carne. O corazón queda esparexido pola mesa en anacos irrecoñecibles. Corazón non teño. Corazón non teño. Corazón non teño. Conceptualmente a peza trata sobre o dano irreparable que se imprime no corpo e na psique dunha muller ao obxectualizala, humillala, maltratala ou arrebatarlle -amparándose nunha suposta legalidade- os seu(s) fillo(s).
Corazón estreouse en outubro de 2019, no Festival Metro Cadrado do FIOT (Carballo), onde levou o premio do público ao Mellor espectáculo.