As Fillas Bravas: “Ninguén agardaría que tres mulleres maiores de aldea fosen chamadas para abrir esta festa do teatro”

Hai xa máis de dez anos As Fillas Bravas déronse a coñecer nunha actuación na sala Salasón de Cangas, no marco das Xornadas Mulleres en Acción. Naquel entón, semellaba que ía ser algo efémero. Sen embargo, aí seguen unha década despois, percorrendo o país de lado a lado. As nosas tres protagonistas espallan a súa música e os seus cantos nos máis diversos escenarios: eiras, carballeiras, adros, cortes, feiras, prazas, carpas, teatros e auditorios.
As Fillas Bravas son tres mulleres maiores (Isaura, Benedita e Dosinda) que viven en Momán, unha aldea ficticia, pero na que todo é posible. No mundo real, As Fillas Bravas son unha creación de Chévere e das actrices Patricia de Lorenzo, Arantza Villar e Mónica García. Ademais de seren as pregoeiras da 42 edición, representarán a obra “As Fillas Bravas de Momán” e presentarán o libro que leva o mesmo nome por título.
• As Fillas Bravas danse a coñecer hai unha década precisamente aquí en Cangas. Que recordos gardades desa actuación?
Estreamos na Salasón. Era 2014 e aínda non pasara tanto tempo do peche da Sala Nasa e foi imposible non recoñecer un parecido entre o ambiente da Salasón e o da Nasa. Iso fixo que nos sentíramos como na casa. Pero os nervios estaban moi presentes. Dosinda tremía moitísimo e non era polo párkinson. Aínda non tiñamos moita man para facer toda a caracterización dos personaxes, menos mal que veu Fany para nos axudar. Ao rematar a función, entrando no camarín, estabamos sorprendidas da boa acollida que tivera, porque a obra estaba orientada a público mozo e aquela noite na Salasón a media de idade era moito máis alta.
• Que supón para vós ser as pregoeiras desta 42 edición da Mostra?
Para as Fillas Bravas é un orgullo ter que vir desde Momán, que non é pouca cousa, para ser as pregoeiras en Cangas. Ninguén agardaría que tres mulleres maiores de aldea fosen chamadas para abrir esta festa do teatro. Pero aquí estamos e farémolo como mellor sabemos. A verdade é que xa nos tocaba facer o pregón o ano pasado, pero non puidemos porque temos unha axenda que é un horror, e este ano co tema das Letras Galegas había que facelo coma fose.
• Como nace a idea das Fillas Bravas?
Pois mira, nós daquela, sería 2010, fixemos unha obra protagonizada por unha muller que sufría violencia machista, era unha cantante de pachanga que viña dar un recital matutino dirixido a público mozo. Funcionaba moi ben, provocaba unha empatía moi radical do público, sobre todo das rapazas. Pero moitas veces despois da función o profesorado dicíanos que cumpría buscar referentes de mulleres non vitimizadas, mulleres fortes e apoderadas. E desa suxestión nacen as Fillas Bravas, á procura de mulleres autónomas e seguras de si mesmas. Fomos atopalas nunha aldea remota.
• Trátase dunha das obras máis recoñecidas e representadas de Chévere. Cal credes que é o segredo da boa acollida deste espectáculo?
É unha obra radicalmente simple, faise con tres pandeiretas e tres cadeiras, non precisa máis nada, nin luces, nin escenografía, se me apuras non precisa nin escenario. Iso fai que todo o peso da obra recaia nos personaxes e no traballo das actrices para construílos. E aí está a chave, ou o segredo se o prefires chamar así. Na capacidade de xerar empatía no público, no feito de que calquera pode recoñecer neses personaxes á súa nai, a súa avoa, a unha tía ou a unha veciña. E ademais, son personaxes que sempre sorprenden pola contundencia coa que transmiten o que pensan e o que fan.
• As Fillas Bravas é froito dun traballo de investigación arredor do papel da muller na sociedade a través do noso cancioneiro popular. Fixestes algún achado que vos sorprendera?
Queriamos que estas mulleres fosen cantadoras e pandeireteiras. Mostrar que teñen unha cultura moi fonda, aínda que a súa non sexa unha cultura escrita senón de tradición oral. A oralidade que lles permitiu conservar e transmitir unha lingua de seu. Aí empezamos a traballar con cancioneiros que recompilaban coplas que xa se cantaban a mediados do século XIX, seguindo as pegadas de calquera temática relacionada coas mulleres. E foi sorprendente atopar un repertorio tan amplo e comprobar que as coplas falaban abertamente da sexualidade das mulleres, da masturbación, da regra, das relacións sexuais dentro ou fóra do matrimonio… E, por suposto, tamén da violencia que sufrían, de acoso e violacións e da resposta que lle daban, da solidariedade e das denuncias.
• Que roles femininos aparecen reflexados nestas coplas?
O que máis nos sorprendeu é que moitas veces as mulleres aparecen retratadas nas coplas fóra dos roles que se lle supoñen nunha cultura tradicional. Son mulleres afirmativas, sen medo, que ironizan, cuestionan e critican a dominación e violencia que exercen os homes.
• O feito de seren as protagonistas tres mulleres, esperta algún tipo de prexuízo entre os homes á hora de ir vervos?
Elas non espertan prexuízo ningún entre os homes e se hai algún que os trae da casa é seguro que sae sen eles ao saír da función.
• Que vai a ver a xente que asista este domingo ao voso pregón?
Tres mulleres reivindicando o poderío dunha cultura oral que medrou entre arrolos, traballos e padecementos.
• O feminismo con humor entra [mellor]?
Mellor facer entrar as cousas con humor que con calzador e o feminismo tamén. Aínda que de tanto repetilo podemos converter nun tópico iso de que todo entra mellor con humor. Non todo humor é o mesmo e gústanos pensar que o noso humor, como dicía Castelao do seu, “non é para quen acepta o que xa está aceptado e soamente aplaude o que xa está aplaudido.”