• Inicio

Premio Fegatea á Animación Teatral 2020

  • Clara Castilla

A Federación Galega de Teatro Afeccionado (Fegatea) outorgounos este ano o seu Premio á Animación Teatral 2020, nun entrañable acto que se celebrou en Ribadavia. Estas foron as fermosas palabras que, a presidenta de Fegatea, Chelo Pampillón, nos adicaron na entrega. Grazas polo recoñecemento e pola acollida. 

Cando se trata da difícil elección de a quen outorgar un premio é preciso dispoñer dun bo número de argumentos para defender esa escolla, argumentos que permitan presentar a quen se propón dun xeito honroso e, ao tempo, digno desa distinción. Mais, ocorre ás veces, que quen recibe o premio abrangue tantos méritos que esta tarefa resulta moi doada. É  o caso da entidade na que nesta edición recae o premio FEGATEA á  Animación Teatral: a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas (MITCFC).

Moitos son os merecementos que atesoura esta Mostra que fundou a Asociación Cultural Xiria no 1984 e que, neste ano 2020, acadou a súa trixésima sétima edición, toda unha fazaña para calquera asociación cultural.

Aquelas persoas que coñecemos ou visitamos a mostra nos seus humildes inicios sabemos de que falamos e somos ben conscientes da enormidade dos atrancos e das dificultades que as persoas organizadoras tiveron que superar para comparecer cada ano, en setembro ao principio e despois en xullo, a unha cita que se foi facendo ineludible ano tras ano. Nos primeiros tempos, a medida que ían pechando os cines de Cangas, a Mostra parecía condenada a desaparecer. Arrombada como un obxecto non desexado pola incomprensión e estulticia de grande parte das administración. A rúa foi con frecuencia a súa única casa pero moitas e moitos aínda lembramos aqueles toldos, aqueles pavillóns. Así fóronse sucedendo edicións, sufridas e airosas e non sería até a décimo novena edición de 2002 que o auditorio acollese a Mostra. 

A partir de entón, a Mostra de Cangas, comezou unha nova andaina de prestixio e consolidación que a levou a ser o que hoxe é: “unha das máis importantes manifestacións galegas, estatais e internacionais de espectáculos vivos que teñen o humor por bandeira”.

Pero é necesario salientar no labor da Mostra varios aspectos que a fan digna de maiores homenaxes. Referímonos á súa dilixencia á hora de galardoar a aquelas persoas destacadas no labor teatral co Premio Xiria. Desde 1987. Abonde sinalar que o seu primeiro premiado foi Agustín Magán, co que nos unen tantas afinidades.

Sobre todo, á súa enerxía a prol da loita pola igualdade entre as mulleres e homes, impulsando a paridade e os recoñecementos do labor de moitas mulleres nas xornadas de traballo que ano tras ano organizan baixo o nome de Mulleres en Acción e que agora se complementan co premio do mesmo nome.

E, como non, ao seu empeño pola organización de encontros e foros de discusión escénica, cursos de formación e unha morea de actividades máis nas que se deron e se dan cita persoas expertas e estudosas chegadas de todos os lugares para poñer en común as súas experiencias e proxectos.

Así como a iniciativa que destaca con luz propia na que o teatro amador ten acollida. Trátase do Revoltallo en Pedra que ocupa unha das xornadas da Mostra na que grupos afeccionados, escolares e académicos das artes escénicas toman as rúas de Cangas para mostrar espectáculos de pequeno formato, cunha variación de propostas e presentacións que dificilmente se poden atopar noutros ámbitos.

Se a todas estas grandes empresas engadimos unha programación que sempre tratou de achegar ao seu público, dentro das súas posibilidades, os espectáculos teatrais e as representación performativas máis novidosas e, moitas veces, as máis destacadas das que cada tempada se presentan, creo que hai razóns máis que poderosas para que a Xunta Directiva da FEDERACIÓN GALEGA DE TEATRO AFECCIONADO (FEGATEA) decida outorgar o Premio FEGATEA á Animación Tetral 2020 á Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas (MITCFC).

Contacta coa MITCFC

Auditorio Municipal de Cangas
Avenida de Lugo, 36940 Cangas, Pontevedra

Tel.: +34 986 30 41 08
Descargar información como: vCard

Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
© MITCFC. Todos os dereitos reservados.
Deseño: Diego Seixo.