En recoñecemento aos seus 40 anos de historia. Unha traxectoria comprometida co teatro de títeres e obxectos, dignificándoo e popularizándoo cun traballo exquisito, en constante evolución e combinando as distintas técnicas de manipulación co excelente traballo actoral dos seus manipuladores, un auténtico selo de identidade.
TANXARINA tamén impulsou o mítico Festival Internacional de Títeres de Redondela, dirixíndoo durante as súas 13 primeiras edicións.
TANXARINA é un referente indiscutible das artes escénicas e da historia deste país.
A compañía TANXARINA TÍTERES fúndase no ano 1.983 por varios ex – alumnos de Harry Tozer, profesor de construción e manipulación de marionetas de fío do Institut del Teatre de Barcelona e, tamén, por outros profesionais galegos do teatro infantil e xuvenil. Dende entón, Tanxarina converteuse nunha das formacións máis recoñecidas e prestixiosas do teatro de títeres galego, tanto dentro como fora de Galicia.
Os seus traballos representáronse nos máis importantes festivais de teatro de títeres, moitos son os países visitados polos seus bonecos: España, Grecia, Portugal, Austria, Bélxica, Francia, Italia, El Salvador, Costa Rica, Nicaragua, Venezuela, México, Brasil, Cuba, Colombia, Arxentina, Guatemala, Cabo Verde…..
No ano 2.000 os actores-manipuladores de Tanxarina comezan unha intensa actividade paralela dentro do teatro de actor, sendo frecuentemente invitados a participar tanto en montaxes teatrais como en diversas producións audiovisuais: cine, series televisivas, curtametraxes, publicidade e dobraxe.
A Compañía desenvolve tamén una constante actividade docente mantendo unha variada proposta de cursos de construción e manipulación de títeres, marionetas, máscaras e cabezudos para educadores, escolares e profesionais da animación socio-cultural.
Actualmente a compañía está formada por Eduardo Rodríguez Cunha “Tatán”, Miguel Borines Fernández e Andrés Giráldez Río.