Dúas grandes artistas galegas como Sue Moreno e María Move crean SU.MA baixo a dirección nos seus espectáculos de Gonçalo Guerreiro (Elefante Elegante). Espectáculos de danza-circo de medio formato, onde os personaxes crean mundos de fantasía. Xogo e imaxinación, acrobacia aérea e voz cantada en directo, son os ingredientes dunha compañía onde a maxia xorde do uso creativo dos elementos e a destreza comunicativa das interpretes co espectador.
Tres amigos, tres personalidades, tres caracteres moi distintos, embárcanse na aventura de pasar unhas vacacións xuntos. Pero a convivencia non sempre é cousa fácil. E os conflitos toman parte na escena cotiá dos campistas. Superarán os nosos personaxes o reto de compartir un espazo común con elegancia? Que pasa cando se reviran as cousas? “O rozamento fai o agarimo”, din… Glamping é un espectáculo sobre as relacións humanas, onde calquera poderiamos ser ese personaxe en tensión, buscando a mellor maneira de resolver a situación. Teatro xestual, música, acrobacia aérea, danza e swing en clave de clown. Cando parece que todo esta perdido…a creatividade xorde abrindo un camiño inesperado.