Fundada en 1979. Nestes anos realizou 57 producións e numerosas xiras nacionais e internacionais por 23 países, participando nun centenar de festivais nacionais, europeos e americanos, traxectoria que se recolle na plataforma dixital archivo.guirigai.com, presentada ao público en 2019 e que xa forma parte do Centro de Documentación do INAEM. Guirigai é fiel á tradición de cómicos e ás compañías europeas dende a súa sede en Los Santos de Maimona (Badajoz), onde en 2006 abre ao público a Sala Guirigai, espazo de dinamización cultural de artes escénicas.
O frade Panurgo anuncia a súa chegada para cociñar a famosa ‘Caldereta do Peregrino’. Pide esmolas, magras carnes e bo viño a cambio de indulxencias e un sitio privilexiado no paraíso. Chega o médico Monipodio, coas súas coplas satíricas, apócemas salvadoras, instrumentos de cirurxía e múltiples segredos para aliviar males, enderezar ósos e sacar dentes. Únese ao alegre encontro Inés de los Vivos, perfumista, maga na fabricación de aceites, tinturas e cremas de beleza, mestra de seducións. Os nosos charlatáns compiten entre si con burlas e xogos para vender os seus produtos. Durante a representación, Panurgo cociña a súa famosa caldereta que rifará entre o público.