Territorio Violeta é un festival multidisciplinar que tenta poñer o foco no percorrido que a sociedade e as artes escénicas fan a prol da igualdade. A cor violeta é dende hai tempo a do feminismo e non é casual que nos inclinemos por ela para falar de igualdade. Utilizando a simboloxía actual que asocia ás mulleres coa cor rosa e aos homes coa azul, mestura da que xorde a cor violeta, poñemos o acento nesta cor como símbolo dun lugar común de igualdade
Co fin de facer visible este percorrido, queremos ofrecer unha serie de premios ao ano. Un PREMIO por cada Feira, Mostra ou Festival que participe en cada edición do noso itinerario. O premio TERRITORIO VIOLETA outorgarase á proposta que mellor visibilice o esforzo que as mulleres, os homes e a sociedade en xeral, fan por ver o mundo doutro xeito; ou ben a aquela que mellor poña de manifesto as desigualdades sociais entre os homes e as mulleres. En definitiva, premianse aquelas propostas de teatro, circo, danza ou calquera arte escénica, que focalicen a súa ollada no punto de intersección violeta e que se asomen sen vertixe á igualdade.