VI Torneo de Dramaturxia de Galicia

VI Torneo de Dramaturxia de Galicia

Martes, 05 Xullo 2022 22:30
Auditorio Municipal de Cangas
  • Procedencia: Galicia
  • Tipo: Torneo
  • Estrea: Estrea absoluta

O Torneo de Dramaturxia de Galicia consolídase como unha aposta firme da MITCFC para dar a coñecer a nosa dramaturxia, creando un nexo directo entre  autoras/es e público. 

Este proxecto, pioneiro en Galicia, conta coa imprescindible colaboración de DramaturGA, a primeira asociación profesional da dramaturxia galega. 

A Asociación Galega de Dramaturxia é a plataforma das autoras e autores dramáticos de Galicia. Naceu no ano 2015 coa intención de mellorar, defender e velar polas condicións laborais das profesionais do sector e visibilizar a dramaturxia galega. 

Así mesmo, promove actividades de formación, edición de pezas teatrais e xera espazos de encontro e debate procurando, sempre, novas fórmulas que incentiven a posta en escena das dramaturxias galegas.

Sinopse

Unha mestra de cerimonias única presentará este furioso combate no que catro recoñecidas dramaturGAS e dramaturGOS de Galicia bátense na procura do voto do público. As armas a usar? Retruques da palabra, ideas, ritmos, conflitos, sorpresas, accións, silencios.

O público asistirá a catro lecturas dramatizadas, interpretadas por actrices e actores profesionais de recoñecido prestixio, e será o propio público quen vote os textos que máis lles teñan gustado para que, de entre as catro pezas participantes, resulte unha soa a gañadora. Un espectáculo teatral, divertido e único que se verá avivado pola participación activa do público.

Ficha artística

  • Mestra de Cerimonias: Esther F. Carrodeguas.

COMBATENTES TORNEO 2022

  • Laura Porto (Covelo, 1992), dramaturga. En 2021 publica O senso da floración coa editorial ÁFEIRA, e colabora coa compañía Amorodio como dramaturga e directora da súa primeira montaxe, Reino da extinción, publicado polo Consello da Cultura Galega.

  • Raquel Castro (Alxén, Salvaterra de Miño) Licenciada en Filoloxía Galego-portuguesa e Hispánica, profesora de Lingua galega e literatura no ensino secundario. É presidenta da Asociación Teatral de Alxén dende 1999 e todas as súas obras están destinadas a ser interpretadas polo grupo de teatro infanto-xuvenil Ata Sempre de dita Asociación. Algunhas delas están publicadas en Galaxia e Fervenza.

  • Cándido Pazó (Vigo, 1960) Un dos de toda a vida. Con varios premios María Casares e Max pola súa escrita teatral. Premio Xiria da MITCF de Cangas, Xograr de Outono do FIOT, Premio Vidal Bolaño da MIT de Ribadavia e Premio da Cultura Galega pola súa traxectoria. Os seus últimos traballos como dramaturgo son Cigarreiras de Contraproducións e A peste do CDG.

  • Antón Coucheiro (Cou) é actor, director e dramaturgo, pero, sobre todo, pallaso. Traballa en teatro, cine e televisión dende hai 20 anos. Cos seus espectáculos, ten viaxado por máis dunha ducia de países. Tamén é un recoñecido mestre de clown e de improvisación teatral.

 

Contacta coa MITCFC

Auditorio Municipal de Cangas
Avenida de Lugo, 36940 Cangas, Pontevedra

Tel.: +34 986 30 41 08
Descargar información como: vCard

Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
© MITCFC. Todos os dereitos reservados.
Deseño: Diego Seixo.