Se hai algo que Ainé Producións acadou nos últimos anos para o teatro en Galicia é atraer novos públicos a base de bater récords: Somos Criminais (2018) é o espectáculo co maior número de entradas vendidas na historia da nosa comunidade -65.000 espectadores-, despois dunha xira de pouco máis dun ano polas grandes cidades galegas. Un catálogo inicialmente orientado á comedia mudou nos últimos anos para dar espazo a un abano de xéneros do que forman parte desde adaptacións de auténticos fenómenos mediáticos como Fariña a clásicos do teatro do absurdo como O Montacargas ou A última cinta de Krapp. Grazas ao labor de Ainé Producións acadouse un trasvase de públicos, permitindo que o teatro máis comercial acariñase ao espectador ata levalo a aquelas funcións que xamais pensou ver. Ainé Producións foi fundada no 2015 polo actor e humorista Xosé A. Touriñan e os productores Javi Lopa e Álvaro Pérez Becerra. Nestes últimos cinco anos a produtora puxo sobre os escenarios máis de vinte montaxes, todas elas con xiras por Galicia e funcións puntuais no resto de España. Entre todas suman máis de 300.000 espectadores e trátase en máis do 90% dos casos de producións propias e venta directa ao espectador nas principais salas, en moitos casos con dobres e ata triplas funcións nun mesmo día. Na actualidade Ainé Producións segue adiante coa xira de Fariña. Despois dun intenso labor en decembro de 2020 para poñer a punto a montaxe e adaptala á nova realidade nun mundo no que a cultura ten que convivir coa COVID19, as funcións nas Naves del Español, Teatro Alcázar e Teatre Tívoli, así como as realizadas en diferentes teatros do resto do estado, foron un grande éxito de crítica e de público. Ata o de agora xa son máis de 50.000 espectadores os que se achegaron a estes teatros para gozar deste espectáculo innovador cun sabor marcadamente galego.
Continente María é un canto á vida e ao teatro a través do diálogo coa extraordinaria figura de María Casares. Mediante as múltiples posibilidades que nos ofrece o teatro, evocamos a María non só como a inesquecible actriz que foi, senón tamén como o ser humano que se entregou con absoluta intensidade á vida e á escena para vencer o medo e sobrepoñerse ao exilio, descubrindo nas táboas a súa verdadeira patria. A Casares preséntasenos como un mapa a percorrer, mais non como turistas, senón como viaxeiras curiosas, gozando dos detalles que nos proporciona a súa paisaxe, chea de vitalidade e ganas de vivir en presente absoluto todo o que a realidade e a poesía nos pode ofrecer. Un mapa dun Continente inabarcable no que queremos permanecer porque estamos seguras de que vivir nel nos fará mellores, como individuos e como sociedade. Conversamos co legado de María tratando de recoller a retranca, o humor e a musicalidade que se desprende das súas entrevistas e escritos, que se descobren ante nós como un faro que dá luz e claridade a un presente que precisa referentes de liberdade e compromiso.