• Inicio
  • Novas
  • Cristina Samaniego: "O actor debe baixar os seus pensamentos ao corpo e convertelos en accións"

Cristina Samaniego: "O actor debe baixar os seus pensamentos ao corpo e convertelos en accións"

  • Clara Castilla

Cristina Samaniego é un torrente de vitalidade. Un xute de enerxía verbal que anima a emprender novas aventuras e a perder calquera tipo de complexo. Actriz, pedagoga e directora teatral, Samaniego ten formación académica suficiente como para ser unha gran mestra. Titulada Superior pola Real Escola Superior de Arte Dramática de Madrid, R.E.S.A.D. e Diplomada en Xeografía e Historia pola Universidade de Cantabria, en 1990 comeza unha ardua investigación sobre linguaxe escénica e pedagoxía teatral.

Entre o 6 e o 9 de xullo, esta artista polifacética estará en Cangas impartindo o obradoiro ‘Facer visible o invisible. Un camiño de creación’, unha inmersión no traballo de preparación do/a intérprete poñendo o foco no desenvolvemento da súa expresión física e vocal, a claridade das súas accións físicas e a creación de composicións individuais. A inscrición está aberta até o 23 de xuño. 

Samaniego é cofundadora do Laboratorio Internacional de Teatro T. N. T. (Sevilla), realizando unha intensa actividade actoral en festivais de países de todo o mundo como Brasil, Portugal, Cuba ou Australia. Simultaneamente desenvolve o seu propio proxecto de investigación sobre pedagoxía teatral dirixindo programas de formación de longa duración dentro do laboratorio TNT e expondo diversos enfoques intensivos sobre o estudo da Dramaturxia do Movemento, o Training Psicofísico e Vogal do actor e a Expresión Verbal noutros centros públicos e privados de dentro e fóra de España.

Por que o título ‘Facer visible o invisible’?

Normalmente, nos obradoiros de poucas horas e días ensínanse ferramentas básicas de training ou pequenas montaxes e sempre ven as cousas da mesma maneira, sen ter a oportunidade de pormenorizar en aspectos que son interesantes e importantes. Con este taller, fun a algo que creo que é esencial. Despois de 25 anos impartindo obradoiros, comprobei a necesidade de profundar máis. De descubrir as intencións que hai ocultas detrás dos sons e das palabras. Armar as intencións desde dentro.

E iso como se consegue?

O actor ten que sentir as cousas vívidamente. Usar palaras que xa veñan cargadas de intención e emotividade. E o mesmo coas accións. O corpo só se move en función do que dis. Unicamente experimenta cando o que sentes baixa da túa mente. O noso corpo móvese en función de como falas, igual que pasa na vida real. E vai depender do que queremos conseguir. De se pretendemos enganar, engatusar ou convencer. E, dependendo diso, cambia todo. O ton e a inflexión da nosa voz, o ritmo, … Todo parte de dentro. É un traballo holístico de dentro cara a fóra.

Como empezou a túa paixón pola investigación de técnicas actorais?

Eu son un pouco rara. Empecei a investigar sobre as ferramentas do actor moi nova, con apenas 20 anos. Sempre me interesou moito a aprendizaxe e o método Stanislavski era o máis común. Pero todo cambiou para min cando coñecín os ensinos de Jerzy Grotowski, que transmitía un concepto máis místico. El profundou moito nas ferramentas e en como se traballa cos actores en oriente, con técnicas e cun traballo que converte ao neno nun ser capaz de dominar o seu corpo e a súa voz a un nivel incrible. Non se forman actores, senón mestres. E a mestría é o que quere ver o público.

Esa forma de adestramento non é unha técnica demasiado común, verdade?

Grotowski quedou fascinado pola cultura oriental e a súa forma de entender o traballo actoral. Extraeu dalí moitos coñecementos que trouxo a Europa creando unha forma de adestramento integral. Todo nun todo orgánico. Eu lin isto e vinculeime aos laboratorios de investigación. É algo incrible porque hai mestres das artes escénicas de todo o mundo e estúdanse as ferramentas do uso de corpo e da voz en situación de actuación. Trátase de transmitir principios básicos que están en calquera proxecto e despois desenvólvense escenicamente en cada obra.

Ao falar do traballo actoral, parece que sempre o vinculamos a un traballo intelectual. Pero o traballo físico ata que punto é importante?

Absolutamente primordial. Cando te sentas como público nunha obra, ti ves como se moven os actores e actrices. Se estás a ver a representación de ‘Tío Vania’, ves ao actor que interpreta ao protagonista. Aínda que non fala, está a se mover polo escenario e iso transmítenos moitas cousas. Se ti, como espectador, notas algo xa entraches na obra antes de que sobre o escenario se abrise a boca.

A forma de camiñar se estou ofendido, se teño medo, se aborrezco a esa persoa que teño que conquistar... Cando un actor empeza na profesión case sempre pasa o mesmo. Ten o papel na mente e empeza a facer espaventos. Pero iso non funciona porque na vida real non é así. Hai que baixar os teus pensamentos ao teu corpo e convertelos en accións. As accións son movemento. Peso, espazo e tempo. Por moito talento que teñas, sempre tes que educar as túas accións.

É difícil educar o teu corpo?

Cun bo entramiento aprendes a coñecer o teu corpo. Eu podo seguir ensinando hoxe en día e case facendo os mesmos exercicios que ao principio porque coido o meu corpo. A miña voz ten agora máis graves e agudos que cando era máis nova. Antes a miña voz saía a pleno pulmón e agora gañei en resonancia. Aprendín a saber como facer mellor as cousas. Iso é técnica, experiencia e comprensión. Hai que traballalo.

Estiveches algunha vez en Cangas?

Nunca e teño moitas ganas de ir. Coñezo Galicia e teño aí moita familia por parte de nai e pai. Sempre que fun, sentinme como na casa, coma se pertencese a ese lugar.

E da Mostra oíras falar?

Oíra falar dela e estou encantada de poder participar este ano. Seguro que será unha experiencia incrible.

Contacta coa MITCFC

Auditorio Municipal de Cangas
Avenida de Lugo, 36940 Cangas, Pontevedra

Tel.: +34 986 30 41 08
Descargar información como: vCard

Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
© MITCFC. Todos os dereitos reservados.
Deseño: Diego Seixo.