• Inicio
  • Noticias
  • Cultura clásica e arte pop no cartel da 39 edición
  • Clara Castilla

Laura Pato foi a artista encargada de confeccionar este ano o cartel da 39 MITCFC. Esta artista, arquitecta de formación académica e traballadora no sector da moda, recibiu o encargo con “moita ilusión”. Pato, máis coñecida en internet como ‘Le Petit Patito’, confesa que lle encantan os proxectos relacionados co mundo da cultura porque, sobre todo, están afastados do seu traballo. “Nunca fixera nada relacionado co teatro e a idea pareceume marabillosa porque me permitía saír un pouco do meu día a día”, engade esta moza, natural de Ourense e afincada na Coruña.  

Sobre a súa relación co mundo do teatro, esta artista multimedia recoñece que “tristemente, teño ido máis ben pouco” e márcase como propósito cultivar máis esta afección. Sen embargo, isto non supuxo ningún atranco á hora de poñerse a traballar no cartel desta edición. E a súa vea artística saíu á luz deixando en evidencia a súa formación académica. Como a propia Laura recoñece, inspirouse na cultura clásica reinventando unha especie de Venus grega con ‘smiles’ nos peitos. “No primeiro ano de carreira tiñamos que debuxar obras clásicas, e aínda que non era o que máis me gustaba ao principio, acabei colléndolle cariño”, explica Le Petit Patito. Sen embargo, a cultura pop é unha das súas grandes paixóns e así o deixa ver claramente na orixinal creación que fixo para a Mostra.

Ademais de artista gráfica, Laura Pato é tamén escritora. En 2019 publicou o libro ‘Si me regalan bombones, ¡me los como!’, no que ironiza sobre o amor romántico a través das súas ilustracións e metáforas arquitectónicas cargadas de humor. Non descarta publicar un segundo libro, pero, de facelo, quixera que fora algo máis seu, “máis independente”.

‘Le Petit Patito’ é o alter ego de Laura Pato en internet. A artista usa o debuxo como ferramenta de expresión e triunfa en Instagram con 55 mil seguidores sendo xa unha referencia no mundo da ilustración. “Para min, o debuxo sempre foi unha ferramenta coa que me resultou fácil contar cousas”, afirma. A súa presenza en Instagram empezou como unha conta persoal, pero pronto atopou máis posibilidades no debuxo que en subir fotos persoais ou de paisaxes.  A través dos seus debuxos, manifesta as cousas que quere dicir, xogando moitas veces coa cultura pop porque para ela é unha inspiración ver como se comporta “a masa, entre a que me inclúo, nas redes sociais e tamén nas rúas”.

Para esta artista vangardista, non é ningún problema desenvolver a súa carreira profesional en Galicia. “Hoxe en día, é moito máis fácil”, afirma. Engade que “coa dixitalización é o mesmo vivir en Madrid que nunha vila Ourense”. “É verdade que hai que viaxar e é necesario ver mundo, pero a túa casa pode estar onde queiras”, afirma.

Contacta coa MITCFC

Auditorio Municipal de Cangas
Avenida de Lugo, 36940 Cangas, Pontevedra

Tel.: +34 986 30 41 08
Descargar información como: vCard

Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
© MITCFC. Todos os dereitos reservados.
Deseño: Diego Seixo.