• Inicio
  • Noticias
  • Fran Paredes: "A xente está ávida de teatro. Hai unha necesidade tremenda de cultura"
  • Clara Castilla

Falamos con Fran Paredes horas antes de dar o pregón da 38 Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas. Cos nervios propios da situación e coa responsabilidade engadida de falar ante un público cheo de caras coñecidos de veciños, familiares e amigos, este actor morracense.

-Que sentiches cando te chamaron para ser o pregoeiro desta Mostra?

Un torrente de cousas. Nun principio, sentín moitísima emoción. Para min ser o pregoeiro da Mostra é algo co que, sinceiramente, non contaba de momento. Coa cantidade de xente que hai por Galicia que podía estar aí e que, sen embargo, me invitaran a min, deixoume a partes iguais xeado e ardendo.

Inmediatamente despois veume á cabeza Xosé Manuel Pazos... Esta vai ser unha edición moi delicada e non sabía que escribir, que dicir, que facer. Sentín un torrente de emocións tremendo. Pero, sobre todo, un enorme orgullo e unha honra.

-Despois de ano e medio de importantes limitacións  e restricións, como notas os ánimos?

A xente está ávida de teatro. Hai unha necesidade tremenda de cultura, de música e de calquera evento. E a Mostra de Cangas é absolutamente necesaria todos os anos. Se cadra, esta ano máis aínda. En parte, por todo o que levamos vivido por mor da pandemia, pero tamén por celebrar a figura de Xosé Manuel Pazos.

-Como é a relación entre Cangas e o teatro?  

É evidente que en todo o Morrazo, en Moaña, en Cangas e tamén en Bueu, hai unha canteira importante de xente do teatro. Seguramente esta situación estará propiciada por factores históricos, demográficos, sociais, sociodemográficos,... O certo é que esta é unha vila, unha comarca, na que hai un xermolo de cultura en todos os sentidos. Tamén a nivel de asociacións e de movementos culturais. A xente do Morrazo goza da cultura dun xeito moi intenso e especial.

-Como actor e amante do teatro, como valoras o traballo da MITCFC?

Coas condicións existentes, para sacar adiante esta Mostra faise un esforzo tremendo. Hai unha xente marabillosa detrás cada ano buscando e loitando por facelo o mellor posible. Agora mesmo, a programación é marabillosa, con compañías nacionais, internacionais e galegas, con cursos, xornadas e espazos alternativos. Son dez días fantásticos para desfrutar do mellor teatro.

 -Como sae a cultura, e as artes escénicas en concreto, desta situación pandémica?

A situación da cultura xa é de por si bastante precaria en calquera momento. Afortunadamente, na actualidade, coas novas plataformas dixitais, hai máis oferta e demanda. Pero foi xusto nese momento co gromo de traballo, cando veu a pandemia. E iso foi un golpe tremendo para toda a profesión. Para os actores e actrices e para todo o persoal técnico. Con toda a redución de aforo e as limitacións de mobilidade foi moi complicado facer o noso traballo. Agora parece que a cousa empeza a moverse de novo.

-É Fran Paredes un actor máis de teatro, de cine, de televisión?

Non teño unha predilección. Encántanme os tres formatos. Nacín no teatro, aí é onde comecei a traballar, pero o audiovisual tamén me enganchou moito. É un proceso de traballo moi intenso. Son ‘máster’ pagados. Hai pouco tiven a sorte de reencontrarme de novo co teatro coa obra ‘O charco de Ulises’ do Centro Dramático Galego grazas a Santiago Cortegoso e a Marián Bañobre. Era xa unha necesidade que tiña aí. O proceso foi unha marabilla. Un renacer. Agora estou nun momento no que necesito teatro, con emocións máis directas, co público diante.

-Xa estás afeito a actuar ante un público enmascarado?

Chega un momento en que, despois de ano e medio, incluso resulta brusco ver a xente sen máscara. Ao principio, era moi estraño e até incómodo non poder ver as reaccións nas súas caras, no seu sorriso.. Agora o único que resalta son puntos brancos en todo o patio de butacas. Nunca te dás acostumado de todo.

Contacta coa MITCFC

Auditorio Municipal de Cangas
Avenida de Lugo, 36940 Cangas, Pontevedra

Tel.: +34 986 30 41 08
Descargar información como: vCard

Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
© MITCFC. Todos os dereitos reservados.
Deseño: Diego Seixo.