• Inicio
  • Noticias
  • O luns abre o prazo para os obradoiros 'Salon des Refusés' e 'País'
  • Clara Castilla

Este luns 14 de xuño, ás 00.00 horas, ábrese o prazo para inscribirse nos dous obradoiros de teatro programados nesta 38 edición da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas (MITCFC). Trátase do Obradoiro ‘Salon des Refusés’ e do Obradoiro ‘País’. O prazo finaliza o luns 23 de xuño, ás 14.00 horas. Os formularios de admisión poderanse descargas desde o apartado documentación da Mostra.

'SALÓN DES REFUSÉS' (Salón dos rexeitados)

A performer, actriz, artista e xornalista madrileña Ana Esmith será a encargada de impartir este curso, no que os asistentes van experimentar co fracaso, con todas esas veces que lles dixeron que non. Eles serán os protagonistas do seu propio ‘Salon des refusés’ e ao final do curso o Salón de Rexeitados da XXXVIII abrirá ao público.

Ana Esmith proporá o xogo como ferramenta para a procura individual cara ao descubrimento propio, nun espazo para que cadaquén poida buscar, descubrir e achegarse a aquilo que xa ten.

A formación periodística e artística de Esmith únense da man no eido da performance con Miss Beige, a súa primeira exploración nun traballo non verbal. É un proxecto multiforme que nace en resposta á carencia de heroínas femininas non sexualizadas nin cousificadas no imaxinario colectivo. Isto comeza polo propio uso monocromo do ‘beige’, unha cor aséptica coa que critica a obsesión polo retoque, o filtro e os mecanismos de autoengano que nos ofrecen os nosos dispositivos e aplicacións de imaxes.

Miss Beige constrúese a si mesma a través de imaxes onde se presenta como suxeito e obxecto, ou se se prefire, artista e modelo, un xogo para nada novo dentro das prácticas performativas desde comezos do século XX e ao que se acolleron tamén as prácticas artísticas feministas.

Para asistir a este obradoiro, non se precisa nin currículo nin dosier artístico nin videobook. É unha actividade aberta a artistas, actrices, actores, directoras, directores  e calquera que utilice a súa persoa no proceso creativo. Só serán admitidas 10 persoas e 2 oíntes.

Esta actividade, que ten un custe de 35€, celebrarase na Sala de Exposicións do Auditorio Municipal de Cangas os días 3 e 4 de xullo, entre as 10 e as 15 horas. A admisión será por rigorosa orde de inscrición. Unha vez rematado o prazo de inscrición comunicarase a listaxe de admitid@s e a matrícula será efectiva logo de realizar o pago mediante transferencia bancaria do 25 ao 30 de xuño.

O ‘Salón dos Rexeitados’ da Mostra abrirá ao público o domingo 4 de xullo de 20:30a 21:30h.

'PAÍS'

As compañías A Quinta do Cuadrante (Tito Asorey e Melania Cruz) e Incendiaria (Davide González e Vanesa Sotelo), en colaboración coa MITCFC, propoñen un obradoiro de teatro biográfico que pretende ser un espazo no que reflexionar escenicamente, de maneira individual e colectiva, arredor de conceptos que poden resultar incómodos ou polémicos pola súa utilización por parte de distintos partidos políticos e/ou medios de comunicación. ‘País’ nace do desexo de Incendiaria e A Quinta do Cuadrante por investigar arredor do concepto de país, en conexión directa co proceso de posta en escena da peza ‘A lúa vai encuberta’, proxecto baseado na obra de Manuel María co que ambas compañías veñen de gañar o II Certame Manuel María de Proxectos Teatrais.

A metodoloxía deste obradoiro, que terá unha duración de 22 horas e un prezo de 70€, será aberta e participativa,  fomentando a aprendizaxe cooperativa baseada na creatividade e no desenvolvemento do pensamento analítico e crítico. Traballarase a exploración do corpo e a voz como canles de expresión e comunicación, empregando tamén materiais diferentes como fotografías, cartas, cancións, fragmentos de obras literarias, recortes de xornais ou produción de textos escritos a través dos que buscar e seleccionar elementos que poidan ser transformados en feito escénico.

Esta actividade vai dirixida a intérpretes de teatro ou danza, dramaturgos/as, directores/as, e en xeral todas aquelas persoas que desexen explorar o feito escénico dende unha perspectiva contemporánea baseada nas premisas do teatro biográfico.

‘País’ desenvolverase na Casa de Cultura de Cangas, entre os días 7 e 10 de xullo (Mércores: 16:00-20:00h. | Xoves e venres: 10:00-14:00h. e 16:30-18:30h. | Sábado: 10:00-14:00h.). O número máximo de prazas será de 15 e a admisión será por orde de inscrición.   

Contacta coa MITCFC

Auditorio Municipal de Cangas
Avenida de Lugo, 36940 Cangas, Pontevedra

Tel.: +34 986 30 41 08
Descargar información como: vCard

Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
© MITCFC. Todos os dereitos reservados.
Deseño: Diego Seixo.