• Clara Castilla
Crítica de Ana Abad de Larriva

Como atoparse cando os referentes se afastan do que un realmente é? Amantis: Selfies, sexting e outras formas de amar(se), da compañía Rebordelos, que se puido ver na Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, MITCFC, preséntanos a Miguel, un rapaz de 17 anos que quere ser influencer e que nos fala en primeira persoa da súa vida, das súas frustracións, das súas teimas e tamén dos seus medos, da presión incesante do grupo e tamén do bombardeo continuo de estímulos e referentes aos que se ve sometido.

A peza, dirixida por Tamara Canosa, e escrita por ela e Xacio Baño, trata temas moi interesantes e necesarios en relación coa adolescencia, unha etapa da vida que non adoita ser retratada no teatro; mais non parece ir dirixida a esta franxa de idade, senón a un público maior. Cunha ruptura continua da cuarta parede, nese dirixirse Miguel ao público todo o tempo, o espectáculo ten un carácter narrativo, explicativo e con certo ton pedagóxico, para que entendamos polo que pode estar a pasar un adolescente, os estímulos aos que se ve sometido e como estes afectan ao seu xeito de relacionarse consigo mesmo e cos demais; como inciden na construción da súa identidade, nunha xeración que, por primeira vez, é nativa dixital. Cóntasenos como están sometidos a unha sobreestimulación que desemboca nunha maior desinformación, por falta de referentes e referencias claras, e nunha maior desconexión co mundo analóxico que os arrodea. E amósasenos tamén como eses referentes e contidos que están a ver poden reforzar patróns de conduta violenta, machista..., así como os propios medios para exercer a violencia, someténdoos a situacións de gran vulnerabilidade.

Mais nunha proposta que aborda unha etapa da vida na que todo vai moi rápido, nunha época na que xa de por si todo semella ir acelerado, sorprende o seu ton demorado, o ritmo dilatado nas intervencións e mesmo nas transicións, e a pouca acción. A relación co público comeza algo forzada aínda que o actor, Roque Ruiz, a segue a construír ata conseguir nesa interacción algúns dos momentos de máis verdade, e iso que tiña un gran reto para poder soster toda a peza sen apenas axuda doutros elementos, nunha posta en escena curiosamente bastante analóxica en contraste cos temas que aborda, e cun ton tan narrativo ou mesmo ilustrativo. As voces en off e os vídeos tamén contribúen a entender esa busca de identidade que, ao final, todas seguimos compartindo, a pesar da idade, nesa construción dun dicionario propio coas palabras que queremos que nos identifiquen e nesa necesidade de sostelas ben forte, para que non as poidan arrastrar nin os ventos suaves nin as galernas.

Lugar e data: Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas. Auditorio Xosé Manuel Pazos Varela. 26 de xuño de 2022

Contacta coa MITCFC

Auditorio Municipal de Cangas
Avenida de Lugo, 36940 Cangas, Pontevedra

Tel.: +34 986 30 41 08
Descargar información como: vCard

Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
© MITCFC. Todos os dereitos reservados.
Deseño: Diego Seixo.