Demo

María Mazás. Exposición antolóxica

  • Procedencia: Galicia
  • Autoría: María Mazás
  • Tipo: Exposición antolóxica

María Mazás (A Coruña, Agosto 1960 – Outubro 2017).

María Mazás fuxiu dúas veces da casa: aos 15 anos, co seu primeiro amor, e cando apenas tiña 4, coa súa almofada baixo o brazo. Camiñou ata o mar do porto de A Coruña onde o seu pai atoparíaa tan contenta e, se cadra, soñando cos mundos que ía crear con tanto oficio e liberdade. 

O serradoiro familiar foi o seu prematuro laboratorio. qlí equilibrou os seus primeiros pasos nunha particular danza entre centos de anacos de madeira, á procura daquelas que máis chamaban a súa atención para levalas ao seu cuarto onde, precoz, construía os seus primeiros volumes.

Dunha intelixencia sutil e profunda, María Mazás investiu a súa vida na investigación e a creación artística, esculpindo o seu corpo adolescente coa danza e a acrobacia e mergullíndose , ao tempo, na expresión plástica á que dedicaría cada minuto da súa curta vida. 

Escribiu: “A vida é unha oportunidade e o tempo nunca agardou por min”. 

Dende aquel iniciático serradoiro, a procura dun taller foi unha constante. Non era quen de vivir sen taller, necesitaba traballar coas mans e coa súa fértil cabeza. De moza, realizando pezas en cartón ou madeira de balsa. Xa en Barcelona, centrando a súa atención nos chapeus, captando todas as súas posibilidades escultóricas, máis alá do mero complemento, atopando as claves básicas do oficio. Os tres anos en Alemaña  adicounos a investigar novas formas e materiais nunca antes utilizados en chapeus, coma tecidos metálicos ou resinas. 

O traballo deu o seu froito e chegaron as exposicións. Galerías catalás, italianas, francesas, alemás e galegas expuxeron as súas pezas únicas, auténticas esculturas vivintes nas cabezas das mulleres, nas rúas, nas pasarelas e en espectáculos de teatro e danza. 

Dezasete anos despois, no 2003, doou parte da súa obra ao Musee du chapeau de Chazelles sur Lyon. Francia, e deulle un xiro radical á súa arte, entregándose, apaixonada e definitivamente, á pintura e á escultura. 

Creou a súa derradeira obra en A Coruña, tal e como soñara. Titulouna Poemario Atlántico. 

Mulleres en Acción e a MITCFC quixemos renderlle homenaxe e facer unha exposición antolóxica para amosar a súa obra e celebrarmos, tamén, unha xornada con charlas, debate e performance na que participarán persoas procedentes do mundo académico e das artes plásticas, escénicas, literarias ou musicais. 

Protagonistas: A súa pintura, escultura, chapeus, xoias e o seu Poemario atlántico. 

Artistas Invitadas: Amigas, amigos, amantes e amores, cantaremos, tocaremos, falaremos e exhibiremos os seus estultóricos chapeus.