Demo

Premio Xiria ao labor teatral a Mabel Rivera

Nacida en Ferrol en 1952, inicia a súa actividade teatral no teatro amador dos anos 70. En 1984, ano da fundación do Centro Dramático Galego, incorpórase a un dos primeiros elencos do centro institucional iniciándose como actriz profesional no espectáculo 'Agasallo de sombras' de Roberto Vidal Bolaño.

En 1987, xunto ás súas compañeiras Rosa Álvarez e Marisa Soto, funda 'Teatro do Malbarate', primeira compañía constituída exclusivamente por actrices.

Traballou como actriz e como axudante de dirección con director@s como Eduardo Alonso, Cándido Pazó, Xúlio Lago, Lino Braxe, Fernanda Lapa, Carlos Blanco, Celso Parada ou Xavier Castiñeira.

En 1995 intégrase no reparto da serie para a TVG 'Pratos combinados', que se mantén en produción durante varios anos por mor da gran popularidade conseguida. Pero o recoñecemento estatal e mesmo internacional chegaríalle con 'Mar adentro', a película de Alejandro Amenábar (2004) coa que obtén o premio Goya da Academia de Cine, o Sant Jordi e outros numerosos recoñecementos. Traballa no cinema con directores e directoras como Juan Antonio Bayona, Icíar Bollaín ou o recentemente falecido Milos Forman.

Polos seus traballos en películas ou series para televisión é recoñecida tamén con numerosos galardóns, como varios premios Mestre Mateo, o Premio de Honra do Festival de Cans ou o Premio CinEuropa á traxectoria profesional.

Amais de como actriz, ten traballado tamén como presentadora, tradutora, axudante de dirección ou actriz de dobraxe.

Forma parte do "Álbum de Mulleres" do Consello da Cultura Galega. En 2016 recibíu, ex aequo coa súa compañeira Belén Constenla, o Premio de Honra da MIT de Ribadavia, e en 2017 outorgouselle o Premio da Cultura Galega no apartado de Artes Escénicas.

É licenciada en Filoloxía Inglesa pola USC, e posgrao en Arte Dramática por esta mesma universidade.

Actualmente é vicepresidenta da Asociación de Actores e Actrices de Galicia, que acaba de cumprir os 30 anos de vida e da que é socia fundadora.