• Inicio

A MITCFC - Mulleres en Acción súmase ao manifesto da folga feminista do 8M e apoia as súas reivindicacións

  • Clara Castilla

Queremos participar activamente desta data histórica na que, por primeira vez, todas as mulleres do planeta, TODAS, planifican unha folga xeral que vai moito máis aló do sectorial, porque, como esta Mostra vén manifestando desde hai vinte anos, as mulleres non somos un colectivo marxinado máis, sexa por razóns de discapacidade, identidade sexual ou raza, senón que somos a metade da humanidade, unha metade que sofre brecha salarial, precariedade, teito de cristal, falta de representatividade en cargos de poder e decisión, feminicidios, violacións, acoso e malos tratos. En resumo, machismo en todo o seu esplendor.

Cremos que a cultura e, en particular, as artes escénicas son aliadas absolutas da Igualdade. O teatro é unha ferramenta artística e pedagóxica de primeira orde que pode axudar a impulsar un modelo de sociedade libre deses estereotipos de xénero tan perniciosos como estendidos no sector audiovisual e teatral nos que, ademais, as protagonistas femininas brillan pola súa ausencia.

Non deixa de ser un paradoxo que o sector cultural tardase tanto tempo en decatarse da gravidade do problema e non o denunciase, alto e claro, a través das asociacións profesionais ou da propia creación artística. Pero, pese a todo, somos optimistas. Son moitos os anos que as mulleres de todas as idades, recunchos da terra ou procedencia social, levamos traballando conxunta, pacífica e incansablemente para mudar esta situación.

Rematamos convidando ás profesionais do teatro a realizar a lectura do manifesto da convocatoria internacional de folga antes das representacións teatrais. Ao resto do sector cultural, incluídas espectadoras e consumidoras de cultura, a que se mobilicen como lles sexa posible, desde realizar paros parciais, concentracións e manifestacións ata facer folga de 24 horas, laboral, coidados e consumo ou, sinxelamente, a colgar un mandil nas fiestras e balcóns. Trátase de demostrar que, sen as mulleres, non haberá paz nin futuro posible para unha sociedade que se chame democrática e igualitaria.

Acceso ao manifesto:   https://folgafeminista.org/manifesto-folga-feminista/

Contacta coa MITCFC

Auditorio Municipal de Cangas
Avenida de Lugo, 36940 Cangas, Pontevedra

Tel.: +34 986 30 41 08
Descargar información como: vCard

Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
© MITCFC. Todos os dereitos reservados.
Deseño: Diego Seixo.