Demo

As novas da Mostra

Toda a actualidade da MITCFC, para que non te perdas ningunha información sobre os nosos espectáculos, eventos e demais actividades.

 

  • MITCFC
  • Novas
  • 'Las Cervantas', pre-estrea mundial na inauguración da XXIII Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas. Os abonos para asisitir os espectáculos sairán á venda dende o 6 de xuño

'Las Cervantas', pre-estrea mundial na inauguración da XXIII Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas. Os abonos para asisitir os espectáculos sairán á venda dende o 6 de xuño

Entre o 1 e o 9 de xullo, Cangas volverá ser escenario do mellor teatro cómico e festivo do país. Serán 9 días nos que a vila morracense acollerá os mellores espectáculos teatrais do panorama nacional e internacional. A 33 edición da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas vai apostar pola programación de rúa, triplicando o número de espectáculos que se celebrarán en espazos abertos.

A MITCFC arrancará o venres 1 de xullo co pregón inaugural a cargo de Marián Bañobre, actriz, creadora, deseñadora de vestiario e docente. A vinculación da actriz con Cangas e a mostra vén de anos atrás, tanto polo seu traballo en compañías da comarca como Teatro de Ningures ou Teatro do Morcego como polos obradoiros de clown impartidos no Auditorio Municipal de Cangas e na MITCFC.

A mostra abrirase coa pre-estrea absoluta da obra ‘Las Cervantas’, un encargo da Biblioteca Nacional á escritora e narradora Inma Chacón co gallo da celebración do Ano de Cervantes. Esta obra narra a vida das mulleres máis relevantes na vida do autor de ‘El Quijote’. ‘Las Cervantes’ estrearase en Cangas o día 1 xullo, antes da súa estrea oficial no Festival de Teatro Clásico de Almagro, polo que será unha oportunidade única de ver o mellor teatro actual en Galicia. Entre o elenco de actrices da obra, destacan as irmás Gracia e Sole Olayo, antigamente coñecidas como ‘Las Veneno’ e moi vinculadas a Mostra pola súa presenza en edicións anteriores.

A compañía Teatro del Barrio, autora de obras como ‘Ruz-Bárcenas’, representará o 2 de xullo ‘El Rey’, escrita e dirixida por Alberto San Juan e interpretada por actores do talle de Luís Bermejo, Guillermo Toledo e Javier Gutiérrez.  

O domingo 3, representarase a obra ‘Princesas del Pacífico’, da compañía andaluza La Estampida. Trátase da estrea en Galicia desta obra  de Alicia Rodríguez e Belén Ponce de León. ‘El Cuello de la Jirafa’, da compañía galega Matarile, será representada o mércores 6 no Auditorio.

PROPOSTA INTERNACIONAL

Entre as principais propostas internacionais están ‘Tête de Pioche’ e ‘Interrupted’. Ambas obras estréanse en Galicia nesta edición da Mostra.

‘Tête de Pioche’ é unha obra da compañía francesa Heyaka Theatre baseada sobre todo no universo clown e no humor burlesco. Unha proposta de teatro xestual para toda a familia na que están garantidos os risos.

‘Interrupted’, da compañía Teatro en Vilo (Inglaterra-España) é unha divertida comedia sobre como unha vida perfecta pode converterse nun inferno.

CHÉVERE

A compañía de teatro galega Chévere, premio Nacional de Teatro en 2014 e con 29 anos de traxectoria profesional ás súas costas, representará o sábado 9 de xullo a obra ‘Eroski Paraíso’, unha divertida historia baseada en feitos reais e con tintes de denuncia social.

ABONOS

O vindeiro luns 6 de xullo estarán á venda os abonos para asistir a todas as obras programadas no Auditorio Municipal de Cangas. Por 40 euros, calquera persoa pode reservar unha butaca propia para ver todos os espectáculos de primeirísimo nivel da mostra. Os abonos poderán mercarse ata o día 24 de xuño.

A partir do luns 27 de xuño, estarán disponibles as entradas individuais para calquera dos espectáculos. Nos abonos e entradas mercados a través de internet non haberá ningún custe adicional de tramitación.