• Inicio

Mabel Lozano, premio Mulleres en Acción da MITCFC polo seu labor de denuncia da trata das mulleres vítimas da explotación sexual

  • Clara Castilla

O proxecto de ‘Mulleres en Acción’ créase no ano 2000 por iniciativa das profesionais que forman parte da organización e a dirección da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas (MTICFC). Unha iniciativa pioneira en Galicia e en España que xa cumpre 16 anos.

‘Mulleres en Acción’ nace despois de constatar a invisibilidade e marxinación á que están sometidas as mulleres, social e culturalmente e aposta polo teatro e a cultura como instrumentos decisivos para acadar a igualdade.

Un dos obxectivos de Mulleres en Acción é conseguir pechar unha programación paritaria da Mostra en canto á presenza de homes e mulleres. Un ano máis, conseguise. Deste xeito, entre o 1 e o 9 de xullo, poderanse ver espectáculos de óptima calidade artística e profesional, escritos, dirixidos ou interpretados, maioritariamente, por mulleres ou con perspectiva de xénero.

Mulleres en acción

Ademais, a MITCFC inclúe diversas actividades organizadas por Mulleres en Acción que se concentrarán no sábado 9 de xullo.

Ás cinco da tarde, no Auditorio, celebrarase o debate ‘Construíndo a igualdade nas artes escénicas e no audiovisual’, no que estarán presentes Susana López Abella, secretaria xeral de Igualdade da Xunta de Galicia; Tamara Canosa, actriz e vicepresidenta da Academia Galega do Audiovisual; Laura Míguez, actriz. vogal da Xunta Directiva Asociación Actores e Actrices de Galicia; e Belén Pichel, produtora e presidenta de Escena Galega.

Media hora máis tarde, Iolanda Tortajada, profesora e vicepresidenta da Mesa pola Diversidade no Audiovisual do Consello do Audiovisual de Cataluña, ofrecerá a conferencia ‘O xénero tamén se actúa: Que teñen en común as artistas musicais e as autopresentacións nas redes sociais?

Despois, Cristina Rodríguez Orgaz, actriz e fundadora da promotora teatral El Celler d´Espectaclesm ofrecerá a charla titulada ‘Políticas de igualdade nas artes escénicas. Por onde empezamos?

‘Nora: Igualdade nas artes escénicas e na cultura’ é o título da charla que ofrecerá Berta Ojea. Nora é unha organización que nace para lograr que a igualdade de xénero nas artes escénicas e na cultura ocupe o lugar de centralidade que merece.

Ás 18.30 horas, proxectarase o Making-off da longametraxe documental ‘Chicas nuevas 24h’, que dirixe, produce e escribe Mabel Lozano.

María Armesto, directora artística MITCF, presentará e moderará ‘O segundo sexo na cultura’. Despois do acto de clausura, entregarase o premio ‘Mulleres en Acción 2015’.

MABEL LOZANO

Esta ano, Mulleres en Acción entregará o premio a Mabel Lozano polo seu labor artístico e documental ao servizo da denuncia da trata das mulleres vítimas da explotación sexual. Será o sábado 9 de xullo, ás 22.30 horas, no Auditorio de Cangas.

A decisión, tomada por unanimidade, susténtase nunha traxetoria comezou en 2007, cando Mabel Lozano escribe e dirixe a súa primeira longametraxe documental, ‘Voces contra la trata de mujeres’, denunciando a compra-venda de mulleres e nenas, con fins de explotación sexual.

Desde entón, abondan as obras con temática feminina de denuncia social como ‘Las sabias de la tribu’, homenaxe ás nosas nais e avoas; ‘Escúchame’, sobre a trata de mulleres e nenas para a explotación sexual dende o punto de vista do cliente; ‘Todavía hay tiempo para verbenas’, sobre o cancro de mama; e ‘Madre’, un documental auto-filmado sobre a maternidade do século XXI e accesible para persoas con discapacidades sensoriais.

En 2013, Mabel Lozano escribe e dirixe ‘Naciente’, unha curta sobre violencia de xénero en rapazas novas. Tamén se pon ao fronte  da Campaña contra a Explotación Sexual e dirixe a curta ‘Entre colegas’ contra a explotación sexual.

No que levamos de 2016 escribe, produce e dirixe ‘Chicas nuevas 24h’ sobre o negocio da compra-venda de mulleres e nenas.

Ademais, escribiu e dirixiu as curtametraxes ‘Mariama’, contra a mutilación xenital feminina, e ‘Loveth’, contra a trata de mulleres e nenas. Próximamente sairán á luz, ‘Tribus de la Inquisición’, documental rodado en Bolivia sobre os linchamentos na zona de Chapare, e ‘Historias de vidas robadas’, basada en historias de nenas de América Latina, vítimas de violencia sexual, sentenciadas a manter círculos de pobreza, perder unha infancia que xamais vai volver e a asumir un rol para o que non estaban preparadas: ser nais sendo nenas.

Contacta coa MITCFC

Auditorio Municipal de Cangas
Avenida de Lugo, 36940 Cangas, Pontevedra

Tel.: +34 986 30 41 08
Descargar información como: vCard

Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
© MITCFC. Todos os dereitos reservados.
Deseño: Diego Seixo.