Demo

As novas da Mostra

Toda a actualidade da MITCFC, para que non te perdas ningunha información sobre os nosos espectáculos, eventos e demais actividades.

 

  • MITCFC
  • Novas
  • Récord absoluto de participación na 36 Mostra de Teatro

Récord absoluto de participación na 36 Mostra de Teatro

A 36 Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas (MITCFC) pechouse cun récord absoluto de participación. Entre o 28 de xuño e o 6 de xullo, unhas 12 mil persoas asistiron como público nos espectáculos programados en diferentes prazas, rúas e espazos do concello morracense, así como nas representacións no Auditorio municipal. A participación deste ano supón un importante incremento con respecto ao ano anterior, no que a cifra rondou as 9 mil persoas. 

As obras representadas no Auditorio de Cangas tiveron unha ocupación media do 90%. En total, foron case 4 mil persoas as que asistiron ás obras da noite: ‘Comedia Aquilana’ (Compañía Nao d’Amores- Portugal), ‘La gran ofensa’ (La Bendita Compañía y El Terrat- Cataluña), ‘Carpe diem’ (Producións Teatrais Excéntricas- Galicia), ‘Os Ubú’ (Escola de Teatro de Cangas- Galicia), ‘Vacas, guerras, porcos e cregos’ (Producións Teatrais Excéntricas- Galicia), ‘Arlequina’ (Os Monicreques de Kukas- Galicia), ‘Electra’ (Companhia do Chapitô- Portugal), ‘El desguace de las musas’ (La Zaranda- Madrid) e ‘Generación Why’ (Teatro en Vilo- Madrid). 

Dende a organización mostran a súa satisfacción polas cifras e manifestan a ledicia que supón ver “como o Auditorio se enchía de xente cada noite. Un público moi implicado que non dubidada en votar, ao noso entender con gran criterio cada obra ao rematar o espectáculo”. Este ano, ademais, notouse un importante incremento de público chegado doutras cidades galegas, principalmente Vigo, Pontevedra, Santiago e A Coruña. 

Na rúa, os espectáculos encheron de teatro, humor, xogos e acrobacias espazos como a Praza da Constitución, a Capela do Hospital, o Parque da Palma, o Adro do Hío, o salón de plenos do Concello, o Salasón, os Xardíns do Sinal, a Alameda Vella, o Cruceiro do Hío, a Alemeda de Aldán, a Praza das Pontes e outras rúas da vila. Unhas 8 mil persoas ao longo de toda a Mostra asistiron a representacións orientadas, principalmente, para un público máis familiar, así como a presentacións de libros, charlas- coloquios ou exposicións. 

Para a organización, foi un gran acerto levar algúns destes espectáculos ás parroquias de Cangas (Aldán e O Hío) para que tamén os veciños que viven afastados do centro urbán puidesen desfrutar do mellor teatro. 

 

Salientar o éxito, un ano máis, das actividades enmarcadas na programación do Revoltallo en Pedra, unha iniciativa participativa que converte a ducias de espectadores e amantes do teatro e das artes escénicas en actores e protagonistas dos seus espectáculos. 

O que parece indiscutible é que a Mostra de Teatro é xa un evento cun público moi consolidado que valora e participa activamente duns espectáculos variopintos e de gran talento que, ano tras ano, converten a Cangas na capital mundial do teatro cómico e festivo.